Mentres o resto do mundo se enteiraba de quen era Herta Who, o Börsenverein des Deutschen Buchhandels, o sindicato do libro alemán procedía a entregar o Deutscher Buchpreis (o “Premio do Libro Alemán”, tamén coñecido pola abreviatura dbp) á mellor novela de 2009. O tal premio vénse entregando anualmente por estas datas desde 2005. Foi daquela cando o cártel editorial decidíu que Alemaña precisaba dun premio-espectáculo de seu, con candidatos e precandidatos e unha fastosa cerimonia (show?) no salón imperial do concello de Frankfurt: unha especie de Booker ou de Goncourt para os escritores – e, sobre todo, para os editores – do país.
Catro anos despois de que Arno Geiger recibise o primeiro dbp pola súa obra Es geht uns gut (“Vainos ben”, a historia dunha familia austríaca ao longo de case un século, contada durante só nove días), o premio segue a ser cuestionado por moitos, que o consideran “non un premio do libro, senón un premio do marketing” (Wolfram Schütte) ou mesmo un “espectáculo denigrante” para os autores (Daniel Kehlmann). Os organizadores, no entanto, teñen boas razóns para sentirse satisfeitos, pois as máis das novelas premiadas conseguiron entrar – e manterse – na Bestsellerliste semanal do Spiegel.
Tamén é certo que o xuri – composto por representantes dos libreiros, do mundo editorial e da crítica literaria – non estivera nunca tan presionado como nesta edición. A razón: unha das obras nominadas (e, polo menos desde o 9 de outubro, a favorita) era Atemschaukel, a última nobela da Herta Müller. Como escribíu Elmar Krekeler no xornal Die Welt:
Coa concesión do Nobel a Herta Müller, o xuri atopábase cun problema de luxo: fixese o que fixese, había estar mal feito. Darlle a ela o Premio do Libro por Atemschaukel tería feito aparecer agradabeis bocexos nas facianas de todos. Non darllo, obrigaba a explicar moitas cousas: “É que é boa para o Nobel e non para o Premio do Libro? Interesante.”
Finalmente, nin Müller nin o debutante Stephan Thome (ao que algúns atribuían posibilidades) levaron o dbp deste ano, mais si o fixo Kathrin Schmidt, unha escritora da antiga RDA tan coñecida en Alemaña como Müller no resto do mundo: o propio presidente do Börsenverein non tiña moi claro de quen estaba a falar e anunciou diante dos persoeiros congregados en Frankfurt que o premio ía para unha certa “Karin” Schmidt.
A novela da Schmidt, Du stirbst nicht (“Non morres”) é a historia dunha muller que esperta sen recordos despois de meses en coma. A escritora pasara hai sete anos por unha experiencia semellante e precisou dun grande esforzo para “recuperar a lingua”. A súa anterior novela, Seebachs schwarze Katzen (“Os gatos negros de Seebach”), a primeira despois da convalescencia, foi “realmente difícil” para ela. Segundo escribe Gerrit Bartels no Tagesspiegel berlinés, o galardón casa co recente éxito de varios relatos de doentes, como o diario do polémico director teatral Christoph Schlingensief, acusado agora de exhibir o seu cancro. Schmidt admitíu a comparación, ao tempo que salientou que non remataba de se ver gañadora. Talvez por iso sorprendeu a todos na entrega do premio cando dixo aledarse “máis” polo Nobel de Müller que polo seu dbp aínda quente.