Paseniño como se achega o Magosto van subindo as apostas en Ladbrokes e as demais casas de xogo. As redaccións dos xornais ferven de quinielas, e por unha vez non son os xornalistas deportivos os máis implicados, senón os seus colegas da sección de cultura. Na segunda semana de outubro, a tempo para o comezo da feira de Frankfurt, a Academia Sueca anuncia a concesión do premio Nobel da literatura. Timing perfecto, digno dunha das carreiras de cabalos nas que ocuparán os señores de Ladbrokes o resto do ano. Fan ben: son máis doadas de predicir e, a diferenza do criterio dos suecos, responden satisfactoriamente ao uso moderado de anfetaminas en dose animal.
Sospeito que ninguén – agás os poucos que forman ou formaron algunha vez parte do xuri – coñece os estraños mecanismos de reloxaría crítica, cuántica e xeopolítica que rexen no Börshuset de Estocolmo. Carlos Casares insinuou nunha ocasión que foran as simpatías dun académico influínte as que fixeron de Torrente Ballester un eterno candidato a levar o premio, e a ascensión doutros poderes literarios no seo do mesmo comité a razón de que o ferrolán non o obtivese. Hai quen imaxina leis de rotación non escritas que obrigarían á alternancia de linguas e xéneros, talvez de países e continentes (como nos Xogos Olímpicos), mais a densidade de dramaturgos entre os premiados dos últimos anos e, sobre todo, a inexplicábel ausencia de poetas desde a Szymborska (1996), abondan para falsar esa teoría.
Ten rango de certeza entre os entendidos que a Academia non gosta da literatura americana – máis concretamente norteamericana, máis concretamente estadounidense, aínda que agora que o penso hai polo menos unha canadense que moi ben podería queixarse. E moitos temos xa asumido que os mandaríns da Stortorget son uns resabidos que desfrutan poñendo en evidencia a ignorancia allea (ou exhibindo a propia erudición).
Hoxe aprendimos un pouco máis acerca desa species borealis: o académico sueco. Xa sabemos que, extravagantes e políglotas como son, Engdahl e os seus compadres excusan ler a prensa do país, mais non perden de vista o Feuilleton, a fachendosa comarca literaria dos grandes xornais alemáns. Non quixeron botar unha man a Carl Bildt, o ministro sueco de Exteriores, que sen dúbida tería agradecido un xesto que fixese esquecer o incidente do Aftonbladet, agora que o seu xefe asume a presidencia da Unión Europea. Nin seguir o xogo do Svenska Dagbladet, o periódico liberal-conservador, empeñado estes días en revisar as relacións de Suecia con aquel país no que se fabricaban os mobeis do Ikea e desenmascarar, de paso, aos mestres de alemán das escolas suecas como perigosos infiltrados da Stasi.
Así que teremos que supór que foron hipnotizados, eles tamén, polo Atemschaukel (2009) de Herta Müller. O nome desta escritora nada no Banato romanés figuraba hai anos nas listas de hipotéticos – polo menos desde Der Fuchs war damals schon der Jäger (1992), o exorcismo co que Müller tentaba entón conxurar os demos do pasado. Autora de culto e favorita secreta da crítica, habitual do anuario lírico (unha institución en Alemaña), Müller conseguíu co seu último libro a unanimidade que nunca acadaron Günther Grass ou Heinrich Böll, ambos os dous premiados en Estocolmo e respectados como “conciencia de Alemaña”, pero sempre cuestionados pola súa escrita. Por non falar da Elfriede Jelinek (“unha das persoas máis parvas do hemisferio norte”, segundo Martin Mosebach, o estilista facha que nunca terá o Nobel e nunca debera ter recibido o Büchner), que segue a polarizar o debate literario seis anos despois da súa (video-)visita ao Konserthuset. Moitos pensaron daquela que o premio de Jelinek restaría posibilidades a Müller ou á austríaca Friederike Mayröcker (1924).
(P. S.: Fico a deberlles, desde este mesmo momento, un post dedicado en exclusiva á Frau Müller, que é o que realmente tocaba hoxe.)