Pensaba comezar este post que prometín hai uns días falando dos títulos da Herta Müller; e lembrando, por exemplo, que case todos eles son palabras ou xiros que provocan perplexidade no lector, compostos moitos deles valéndose dos misteriosos, hermafrodíticos mecanismos reprodutivos do idioma alemán. Daquela decateime de que era un mal comezo, pois antes de rematar o primeiro parágrafo tería que resolver a tradución de conceptos xeroglíficos como Herztier ou Atemschaukel. O primeiro podería ser desenguedellado analiticamente até dar nalgo parecido a “Animal” ou “Besta do corazón”. Mais o segundo é case un ideograma, o consorcio fortuíto de dous significados non contraditorios, pero tan aparentemente alleos o un ao outro que calquera tradución – por máis literal ou sincera – sería unha ousada perversión do orixinal. Atem é o “alento”, a “respiración”; Schaukel unha especie de vaivén (en alemán a mecedora chámase Schaukelstuhl, algo así como “cadeira bambeante”); a editorial inglesa que mercou os dereitos do libro elidíu o termo cun título máis longo e explícito, Everything I Possess I Carry With Me, que adianta xa as penurias do protagonista, un dos moitos alemáns de Romanía que – como o pai de Müller ou o poeta Oskar Pastior – foron desterrados á Unión Soviética despois da guerra para pagaren co seu traballo as desfeitas do Terceiro Reich.
Atemschaukel supón pola súa temática un xiro na obra de Herta Müller. A autora enfróntase por primeira vez á traumática experiencia do seu pobo na posguerra, e ao pecado orixinal que a fixo posíbel: a cumplicidade das minorías xermanas co nacionalsocialismo. Adéntrase no campo predilecto da literatura dos suabios do Banato e, sobre todo, dos saxóns de Transilvania, o máis antigo dos grupos de alemáns presentes historicamente na actual Romanía (os da Bucovina, que chegaron os últimos – xa no século XVIII – están hoxe case extintos, o mesmo que a importante comunidade xudía daquela paisaxe na que vivían “libros e persoas”, como lembraría Celan). E, non perdamos de vista esta lectura local(ista), irrompe así na pugna das vellas gardas da literatura saxona – Hans Bergel, Joachim Wittstock – por ofereceren á posteridade a narración definitiva e derradeira dos sufrimentos (e dos crimes) do século. Un terreo espiñento, no que se mesturan rivalidades literarias, complexos históricos e enemizades personais, como se víu cando Eginald Schlattner publicou o relato do seu paso polas prisóns romanesas dos anos 50, avivando o recordo infausto do Proces scriitorilor germani de 1959, no que o propio Schlattner foi o principal testemuño da fiscalía e que rematou coa condena de Bergel e outros catro escritores, acusados de “incitamento contra a orde social” e de “axitación”.
Müller abandona pois o escenario de case toda a súa obra anterior: a Romanía gris e ruinosa dos últimos anos de Ceaușescu, cando as dúas horas de televisión diarias consistían nun resumo das fazañas do Conducător e a súa dona Elena, e os poucos milleiros alemáns que quedaban en Hermannstadt ou Temesvar agardaban meses a que a burocracia dese tramitado as súas “solicitudes de saída” para chegar como Spätaussiedler (“desplazados tardíos”) á Alemaña federal. Un país en descomposición no que o único que funcionaba era a Securitate (non sen razón son moitos a sospeitar a implicación dos servizos de seguridade comunistas no derrocamento do ditador durante a incerta Revolución romanesa do inverno de 1989).
Tamén Herta Müller e o seu primeiro marido, o escritor Richard Wagner (1952) abandonaron Romanía en 1987 e atravesaron o correspondente deserto administrativo antes de chegar á terra prometida de Berlín Oeste. Aínda que ambos os dous eran xa escritores de éxito, premiados e recoñecidos nas dúas Alemañas e en Romanía (polo menos no pequeno círculo da minoría alemá), a súa primeira residencia sobre solo alemán foron os campos de barracas no arrabalde de Núremberg onde os refuxiados agardaban a decisión das autoridades. Os dous traballaron as impresións desta época na súa literatura: Müller en Reisende auf einem Bein (“Viaxeiros nunha soa perna”) e Angekommen wie nicht da (“Chegados e como se non estivesemos aí”), Wagner no díptico composto polas novelas Ausreiseantrag (“Solicitude de saída”) e Begrüßungsgeld (“Diñeiro de benvida”).
A lectura de calquera destas obras transmite a estraña sensación de chegar a un país que fala a lingua dun mesmo, mais doutro xeito. Unha das experiencias máis humillantes para a parella de autores debeu ser (penso que é Wagner quen o conta nun dos seus libros) recibir na aduana o agasallo dun pequeno dicionario romanés-alemán, como se non dominasen a lingua dos seus pais. Ou descubrir outro idioma distinto do que falaran no Banato, o idioma de plástico do consumo e do consumismo, que tan ben reflicte Wagner cando describe a Max Stirner (así nomeou o protagonista de Ausreiseantrag e Begrüßungsgeld en memoria dun anarquista do XIX) paseando como bébedo polas rúas de Berlín e asistindo con curiosidade morbosa ao seu primeiro peep show. Tamén Müller escribe sobre a incomprensión dos seus amigos berlineses cando lles confesou estrañar o romanés: non entendían que puidese ter saudades dunha lingua que, segundo ela mesma salientaba, non era a súa.
É curioso reler agora aquelas páxinas escritas por volta de 1989. Nelas adivíñanse xa os camiños que habían andar Müller e Wagner nos anos a seguiren. Wagner, que soñaba con ser “un escritor alemán máis” escribe agora editoriais para a Frankfurter Allgemeine Zeitung e é un dos autores d’O Eixo do Ben (Die Achse des Guten), unha rede de blogues neocon creada polo xornalista Henryk Broder (un enfant terrible da prensa alemá: o seu diario, que non admite comentarios, leva por título “Teñen vostedes dereito a gardar silencio”); a súa novela Habseligkeiten (“Efectos personais”) foi unha das de maior éxito en Alemaña en 2004, o mesmo ano en que un certame organizado polo Goethe Institut escolleu precisamente esa palabra, Habseligkeiten, como a máis fermosa do idioma alemán.
Herta Müller, pola contra, nunca foi unha autora de masas (se é que existe tal cousa). Si contou, desde o principio, co apoio incondicional dunha parte da crítica, que admiraba a súa capacidade (adquirida talvez compoñendo poemas con recortes de xornais, un pasatempo de Müller pouco coñecido fóra de Alemaña) para baleirar palabras e frases comúns do seu significado habitual e enchelas de novo con outros, novos para o lector. Como en Der Fuchs war damals schon der Jäger (“O raposo era xa daquela o cazador”), onde a amizade de dúas mozas é turbada pola presenza do raposo, da Securitate (a historia de Der Fuchs… é, por certo, autobiográfica: nunha entrevista publicada en 2001 na revista Literaturen, a escritora explicou que a súa mellor amiga fora utilizada por un oficial da policía secreta co que tiña unha relación para axexalos a ela e a Wagner).
Lonxe de afacerse ao seu novo-vello país, Müller cultivou cada vez máis e de xeito cada vez máis consciente o alleamento da linguaxe. É moi significativo que un grupo de ximnasiastas (alumnos dun Ximnasio, equivalente a un IES) muniqueses que lera algunhas das súas obras durante o curso, preguntados pola xermanista Carmen Wagner, respondesen que o único autor que lles lembraba o estilo de Müller era Peter Handke. Niso coincidían cos críticos que reprocharan ao autor austríaco o que é acaso o seu grande mérito estilístico (e o de Müller): usar o alemán “como se fose unha lingua estranxeira” (Reich-Ranicki).
En realidade, os dous escritores poderían estar moito máis preto do que semella: aparte da linguaxe elíptica e difusa, que fai que os leamos como en trance, teñen en común unha identidade que non quere ser definida nin etiquetada, que se resiste a ser idéntica a nada máis que a si mesma. Müller – que non era unha romanesa nin é agora unha alemá máis, senón un collage como os que ela segue a compoñer cos seus retrincos de xornais – fuxíu de Romanía mais non se asimilou á Alemaña que a acolleu, e a súa teima pasada e presente non é moi distinta da que levara a Handke (na novela Die Wiederholung, “A repetición”, que Sebald analiza nun dos ensaios recompilados en Unheimliche Heimat) a construírse un pasado mítico en Eslovenia (!), negando así a súa pertenza á Austria na que nacera.
P. S.: O título desta entrada, que podería traducirse como “anxos de fame”, é unha metáfora que Herta Müller formula na súa última novela.