Moído polas saudades, decido rematar de traducir a entrevista de Michael Angele co autor ucraíno Iurii Andrukhovich, publicada en xuño deste ano no semanario berlinés Freitag (centro-esquerda, agora propiedade do fillo do fundador do Spiegel). Andrukhovich (Ivano-Frankivsk, 1960) é unha especie de Manolo Rivas ucraíno, o autor máis coñecido e máis traducido do país. Xermanófilo coma todos os intelectuais da Westukraine, Andrukhovich é o máis popular dos seus compatriotas nos países de fala alemá, só superado, ai!, polos irmáns Klichko, os coñecidos boxeadores kiivitas. Galardonado en 2006 co premio ao “Entendemento Europeo” (Europäische Verständigung) da Feira do Libro de Leipzig, as súas novelas e ensaios veñen sendo publicadas na prestixiosa casa Suhrkamp e pasou o último ano no Wissenschaftskolleg de Berlín, a traballar nunha “pequena enciclopedia xeopolítica” subxectiva, unha cartografía emocional das que foron as súas cidades.
Diálogo.
O escritor ucraíno Iurii Andrukhovich sobre o seu país e a busca de Europa.
Freitag: Señor Anrukhovich, lembra vostede como, en 1992, ao retornar ao seu país despois dunha viaxe, se queixou de que en Lviv era imposíbel mercar condóns pola noite?
Andrukhovich: Cando hoxe leo os meus textos da época teño vergoña do inxenuo que era. Polo demais, foi realmente dramático: cando daquela voltei de Múnic, pensaba que aqueles tres meses no xardín do paraíso europeo foran unha experiencia que non se repetiría. Que os muros voltarían a erguerse nas fronteiras, que estaba condenado para sempre a unha vida sen condóns nocturnos nin máquinas de tabaco. Daquela pensei que era a fin. Visto desde hoxe, foi o comezo.
Freitag: “Inxenuo”? Eu non podería ollar para Europa dun xeito tan material. Para nós, Europa xa non é algo sorprendente, nin valioso.
Andrukhovich: Cando voltei de Europa, o meu pai estaba no hospital. Estaba canso e esbrancuxado. Precisaba vitaminas, zumes, e eu viña dun mundo no que o zume de laranxa non custaba moito máis do que a auga. E onda nós non o había. Isto debe de soar como se estivese a celebrar o benestar material, mais refírome a outra cousa: refírome a que tiña que salvar a meu pai dalgunha maneira, e non tiña como.
Freitag: Europa, un conto de fadas.
Andrukhovich: Pero agora xa temos zume de laranxa abondo.
Freitag: Ten vostede unha lingua para falar de Europa que nós non temos. Que significa, por exemplo, a expresión “pequeneza centroeuropea”, que vostede emprega no seu libro Segredo?
Andrukhovich: A expresión é da miña época de estudante en Moscova. Ao final da Unión Soviética tiñamos un seminario no que discutiamos tamén os meus poemas. Un colega, un poeta ruso, dixo que non vía nos meus textos nada ucraíno, que non había neles máis que “pequenezas centroeuropeas”. Falaba desde a perspectiva dun ruso. Rusia está marcada polo espazo xeográfico. E desde esa perspectiva mírase a Europa e vese algo realmente pequeno: pequeno sobre todo no territorial, mais tamén no intelectual, provinciano. Ao lado do discurso dun Tolstoi ou dun Dostoievskii. Eu non comparto esa visión. Eu parodio ese concepto da “pequeneza centroeuropea”.
Freitag: E pola contra define vostede Ucraína coma a “meirande realidade obxectivábel de Europa”. Que quere dicir iso? É iso tamén un concepto xeográfico?
Andrukhovich: A Ucraína é o país máis grande de Europa…
Freitag: … e logo Rusia, non é máis grande?
Andrukhovich: Desde logo, pero os rusos non cren eles mesmos que o seu país sexa europeo. De todos os xeitos, a poboación da Ucraína é desproporcionadamente pequena en relación coa súa enorme superficie. Só temos a metade de habitantes que ten Alemaña. E tendencia á baixa. Hai moita emigración e a natalidade descende. Aínda así a perda de poboación está a se moderar. Á parte do territorio, a “meirande realidade obxectivábel” refírese ao esgazamento, a situación conflitiva do país, que non se ve a si mesmo sempre nin en todas partes coma parte de Europa. Dise “en Europa” e pénsase noutro lugar. Máis exactamente: en Occidente. Os ucraínos que saben que paso moito tempo a vivir en Berlín e noutros sitios pregúntanme: “E como che vai por Europa?”
Freitag: Pero o esgazamento afecta tamén a outros países europeos “de sempre”. Pense en Italia.
Andrukhovich: Á conferencia de prensa da miña peza Orfeo ilegal, en Kíiv, veu tamén un actor do sur de Italia. Dixo que vía moitas semellanzas: “Vós soñades con Europa, nós tamén.”
Freitag: A situación de Ucraína parécese aínda máis á de Turquía.
Andrukhovich: Persoalmente, penso que calquera sinal positivo para Turquía éo tamén para Ucraína. Turquía sempre foi por dinate. En decembro de 2004 falei no Parlamento Europeo, en Estrasburgo, da Revolución Laranxa, que acadara naquel momento a súa fase máis quente. Despois tiven unha pequena conversa con algúns deputados. “Aposto a que, despois desta revolución, Ucraína entrará antes do que Turquía”, dixo un deles. É sabido que esta esperanza non se fixo realidade, e mesmo así son moitos dos nosos políticos a cometer un grave erro. “Por que Turquía? Por que non nós?”, preguntan. É unha atitude inapropiada. Con sinceridade, habería que dicir que Turquía, en moitas cousas, é ben máis europea do que Ucraína. E a perspectiva da entrada de Turquía supón que tamén nós temos que ter esa perspectiva.
Freitag: Turquía quere entrar na Unión Europea sobre todo por razóns económicas. Que agardan os ucraínos de Europa?
Andrukhovich: Moitas cousas. O que todos os ucraínos comparten é a idea de Europa como algo bo. Con Europa só se asocian cousas positivas. Hai moito antiamericanismo e, na Ucraína occidental, un certo ambiente antirruso, mais en ningures un ambiente antieuropeo.
Freitag: Tampouco no leste prorruso?
Andrukhovich: Non, o que acontece é que alí o positivo de Europa percíbese nas perspectivas económicas das que vostede falaba. Europa significa benestar. Á xente gústalle falar do Estado de Dereito europeo. “Non o estades a facer como en Europa” é unha descalificación moi frecuente entre os políticos. Mesmo os comunistas empregan esta retórica. Tamén para eles Europa ten connotacións positivas.
Freitag: Daquela europeo significa “civilizado”?
Andrukhovich: Significa o Estado de Dereito e unha certa orde.
Freitag: Coma Suíza?
Andrukhovich: Suíza é de certo un exemplo positivo polo plurilingüísmo. “Suíza ten catro linguas oficiais. Por que non podemos ter nós tamén máis linguas oficiais?”, pregúntase. “Por que non o ruso?”
Freitag: Está vostede a traballar aquí [en Berlín] no Wissenschaftskolleg nun libro sobre cidades. Que é para vostede unha cidade europea?
Andrukhovich: Agora mesmo estou a escribir sobre Riga. Nos anos 80, o culturólogo e lingüísta Liachov sostivo nun ensaio que só había en toda a URSS catro cidades europeas. As tres capitais bálticas, e Lviv.
Freitag: E Leningrado?
Andrukhovich: Precisamente, non. Leningrado, San Petersburgo, ten moito de europeo pola súa arquitectura, mais a cidade é xa euroasiática. Por que? Porque non ten no centro unha casa do concello, nin un mercado arredor do que medren as rúas dos distintos gremios. E iso é o que fai a clásica cidade europea. E en Leningrado non hai: para que habían querer unha casa do concello? Iso son cousas da administración local, e a administración local só ten sentido no modelo europeo. En Rusia só existe o poder vertical.
Freitag: Agora que fala vostede de Lviv, que foi unha metrópole da monarquía austrohúngara. Que importancia ten aínda o antigo estado plurinacional na idea ucraína de Europa?
Andrukhovich: Non demasiada, aínda que si no eido práctico. É fundamental a pregunta de como se pode continuar a desenvolver o turismo. Desde que Ucraína abolíu, en 2005, a obriga de visado para os cidadáns da Unión Europea, a cantidade de visitantes aumentou de xeito extremo. Neste sentido, a nostalxia, como en Lviv ou en Czernowitz, é potencialmente un factor. Xa sabe que en 2012 terá lugar o campionato de Europa de futbol. E iso ha ser un desafío enorme.
Freitag: Alemaña está preparada, polo si ou polo non…
Andrukhovich: É un pequeno ensaio, por ver se Ucraína, xunto con Polonia, é quen de sacar adiante un proxecto europeo. Estamos no centro da atención. Primeiro, no futbol. E todo depende de nós.
Freitag: Para min Europa é tamén John Siddharta, de quen vostede fala en Segredo. Se non entendín mal, chegou ao seu país coma unha especie de peregrino.
Andrukhovich: Si, John Siddharta, “o preso errante de Nottingham”. Segundo a lenda, estivera en case todos os cárceres de Europa, mais o seguro é que despois traballou cunha organización humanitaria internacional, unha das que trouxeron o “zume de laranxa”, por chamalo dalgunha maneira, cando Ucraína pasaba por momentos difíciles. Trouxo seringas de insulina para os diabéticos. Tiña contactos. Quería facerse cunha muller. Debía andar polos 60 anos, e seguramente non tiña a ninguén. Levaba un quepi no que ía cosida, con letras latinas, a palabra rusa “daragaia” (meu amor). John Siddharta, como o nome indica, soñaba con morrer na India. Pero despois de coñecer a Ucraína, preferíu morrer onda nós.
(Tradución miña, moi improvisada, e rematada o 29 de agosto ás 2:01).